¡Únete ao Club Albarei e recibe 5 € de descenso!

A muller no sector vitivinícola: entrevistamos á nosa enóloga Andrea Obenza

A muller no sector vitivinícola: entrevistamos á nosa enóloga Andrea Obenza

Nacer na comarca do Morrazo é chegar a este mundo baixo a influencia do mar: a enorme influencia dun océano, o Atlántico, pero tamén a destas rías tan nosas, as Rías Baixas. A influencia amalgamada destas augas marcan as tradicións, a historia, a gastronomía, os viños, a infancia.

Andrea Obenza naceu en Moaña, entre mar e viñedos. Neste lugar comezaba, sen sabelo, a que sería unha vida dedicada ao viño. Vendo aos avós na vendima, pisando as uvas, amando o rural e a natureza e sentindo a influencia desa cultura tan ligada ao viño.

Non obstante, descubriría a súa paixón algúns anos máis tarde e noutro marabilloso lugar da Galicia vinícola. Foi na sinuosidade e as pendentes da Ribeira Sacra, no seu solo, nas súas cores e os seus aromas. Nas súas vides decidiu abrazar definitivamente esa vocación e trasladarse a Tarragona para estudar a licenciatura de Enoloxía.

Mais a súa unión ás Rías Baixas non rematou aí. Dende o ano 2021, Andrea é enóloga en Condes de Albarei. Ela é un piar na nosa bodega, supervisando o proceso de elaboración, controlando a calidade do viño, dirixindo a crianza e moito máis.

Con motivo do Día Mundial da Muller, hoxe charlamos con Andrea para que nos fale, dende a súa propia experiencia, do papel da muller no sector vitivinícola.

P – De onde vén a túa paixón polo viño?

Como a maioría das persoas que nacemos no rural, o mundo da viticultura e o viño está ligado á nosa infancia. No meu caso, só tiñamos viñas para autoconsumo, mais entre os meus recordos da infancia está a vendimia e os bós momentos de pisar as uvas nos barrís cos avós. Porén, non é ata que comezo un ciclo formativo en Industrias Alimentarias, cando descubro que o que realmente me apaixona é este mundo: a terra, o viñedo, imaxinar como será ese viño, a súa evolución no tempo…

P – Cando decidiches que querías ser enóloga?

R – O ciclo formativo de Industrias Alimentarias permitiume tomar os primeiros contactos co mundo vitivinícola, realizar algunha excursión a bodegas e prácticas na Ribeira Sacra. Todo iso fíxome ver clara a miña vocación, e é nese momento cando comecei a indagar acerca dos estudos necesarios para ser enóloga.

P – Es moi nova e isto foi cambiando cos anos, pero, na túa promoción erades moitas as mulleres que vos preparabades para ser enólogas, ou eras das poucas valentes?

R – No meu caso, si que na Enxeñaría Técnica Agrícola eramos moi poucas as mulleres. No entanto, ao chegar a Enoloxía eramos maioría mulleres, quizais un 60%. Tratábase dunha carreira superior, á que podías acceder dende outras como Farmacia, Bioloxía, etc., que quizais acostuman ter máis presenza feminina.

P – Poderías falarnos do papel que, tradicionalmente, tivo a muller no sector vitivinícola e como ten evolucionado nos últimos anos?

R – Dende o meu punto de vista, en Galicia o papel da muller no sector vitivinícola ten sido fundamental, xa que tradicionalmente traballaban o campo, realizando as tarefas de coidados da vide. De feito, aquí non sorprende ver a unha muller de certa idade conducindo un tractor, pero si que lle chama a atención á xente que vén de fóra. Ao longo dos anos, ese papel foi evolucionando, ampliándose. Xa non só nos facemos cargo das tarefas de coidado da vide, senón que fumos adquirindo postos máis variados e de gran responsabilidade: responsables de viticultura, bodegueiras, enólogas, comerciais, sumilleres, enoturismo e marketing, dirección…

P – Cres que as mulleres se interesan cada vez máis por profesións ligadas ao mundo do viño?

R – Eu creo que si; cada día somos máis enólogas, bodegueiras, sumilleres… Por exemplo, no caso do persoal de prácticas de formación que vén á bodega, cada vez se nota un maior incremento na porcentaxe feminina.

P – Consideras que o feito de ser muller supuxo un hándicap á hora de desenvolver a túa carreira profesional?

R – No meu caso particular non podo ser obxectiva, xa que as miñas primeiras experiencias laborais como enóloga foron sempre da man de grandes mulleres (enólogas, empresarias…) que apostaron polo meu desenvolvemente profesional. Quizais comentarios externos ás empresas, pero máis asociados á xuventude que ao sexo… ou pode que unha combinación de ámbolos dous. Ao comezo, estes comentarios facíante sentir insegura, ou incluso dubidar das túas capacidades.

P – Agora formas parte do equipo de enólogos de Condes de Albarei. Dende dentro, como se percibe a posición da muller no sector?

R – Como comentaba anteriormente, nas Rías Baixas hai moita presenza da muller no sector; moitas mulleres pioneiras que loitaron para posicionarnos nunha igualdade de cara ao noso desenvolvemento profesional. É por iso que podes atopar hoxe en día mulleres en calquera posto do sector. Véñenseme á cabeza mulleres que están na dirección xeral de empresas, empresarias, enólogas, bodegueiras; en administración, en viticultura, en laboratorio, enoturismo, marketing, comercialización…

P – Cres que o crecente papel da muller ten propiciado cambios no sector e puido influír en determinados aspectos da produción, por exemplo, á hora de sacar determinados tipos de viño ao mercado?

R – Eu creo que os cambios no sector débense a que cada vez hai máis formación e información, o que fai que podamos ser moito mellores profesionais independentemente do sexo. Despois, supoño que como en todo, hai mulleres que teñen unha sensibilidade que aporta algo especial aos viños, pero non quere dicir que non haxa homes que tamén poidan ter esa sensibilidade. Creo que o sacar uns ou outros viños ao mercado, ou máis variedade nas elaboracións, vén dado polo coñecemento máis que polo sexo. O catar, catar e catar viños de diferentes pares do mundo, o coñecemento do terreo, a variedade e as posibilidades que nos ofrecen…

P – Dende o punto de vista dos consumidores, identificas diferenzas entre homes e mulleres á hora de elixir un viño, ou este non entende de xéneros?

R – Creo que si houbo diferenzas, incluso momentos nos que as mulleres practicamente deixaron o consumo do viño. Pero iso está a cambiar. Persoalmente, polo que vexo na miña contorna, as mulleres teñen un maior consumo e se arriscan máis á hora de probar e saír das marcas e elaboracións habituais.

P – Que palabras lles dirías ás mulleres novas que loitan por converter a súa paixón polo viño en profesión?

Que loiten polos seus soños e ilusións, e que nunca deixen que ninguén lles diga que non poden conseguilo. Que traballen duro para lograr as súas metas, pero que non o fagan por ser mellor que ninguén, senón que o fagan por elas mesmas.

P – Que cres que poden agardar do futuro estas novas xeracións de enólogas?

R – Pois desexo para as futuras xeracións de enólogas que non existan as entrevistas sobre o papel que desempeña a muller no sector vitivinícola, que non exista o concepto de viño para homes e viño para mulleres, etc., xa que isto será o feito máis fidedigno de que a igualdade profesional no mundo vitivinícola se ten conseguido totalmente.

X
Únete al Club Albarei

Cada mes recibirás:

- Ofertas y descuentos exclusivos para miembros
- Novedades de la bodega
- Un montón de contenidos sobre el mundo del vino que te encantarán

Únete ao club Albarei
e obtén 5 € de desconto no teu próximo pedido.

Ademais, cada mes recibirás:

- Ofertas e descontos exclusivos para os socios
- Novidades da adega
- Moito contido sobre o mundo do viño que che encantará